22/6/17

Un informe da UE cuestiona a independencia dos medios de información en España

"O pluralismo e a independencia dos medios de información no Estado español son cuestionados nun informe do Centre for Media Pluralism and Media Freedom (Centro polo Pluralismo e a Liberdade dos Medios de Comunicación), organismo cofinanciado pola Unión Europea. 

En concreto, o Media Pluralism Monitor (Monitor para o pluralismo dos medios) indica que en España existe un "risco medio" para a liberdade dos medios de comunicación no Estado español, xa que "existen elementos obxectivos para considerar que existe o risco de que certas decisións políticas, así como as presións políticas, poidan afectar a independencia e a pluralidade dos medios de comunicación" en España.

No seu informe, titulado 'Media Pluralism Monitor 2016 Monitoring Risks for Media Pluralism in the EU and Beyond Country. Report: Spain', o Media Pluralism Monitor identificou tres desafíos principais en relación co pluralismo dos medios de comunicación no Estado español. O primeiro desafío é o que representan "as reformas legais recentes realizadas polo actual Goberno español (reforma do Código penal e a Lei Orgánica 4/2015)", que "ameazan a liberdade de expresión e o traballo dos xornalistas". 

Reformas que, como ben se lembra, "foron denunciadas por asociacións estatais e internacionais". Os autores do informe recomendan "a reforma dalgunhas destas prescricións legais para establecer un marco legal máis respectuoso coa liberdade de expresión". 

En segundo lugar, salientan que "a independencia política dos medios de comunicación, públicos e privados, é fortemente cuestionada en España". O documento apunta á existencia de "informes frecuentes sobre a manipulación progubernamental dos medios de comunicación públicos", tanto no eido estatal como no autonómico.

Ademais, subliña que "as reformas legais levadas a cabo en 2012 facilitaron o nomeamento político dos presidentes dos medios públicos e dos editores xefes". Por isto, os autores do informe piden "recuperar os requisitos establecidos pola lei anterior para a elección dos membros dos órganos reitores dos medios estatais", o cal, din, "permitiría unha maior independencia".

No que se refire aos medios de comunicación privados, consideran que "tamén se necesita maior independencia política e autonomía". Neste sentido, din que "se necesitan reformas legais para fortalecer os consellos de prensa e potenciar o actual regulador de medios de comunicación existente no país, a CNMC [Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia]". 

O informe salienta que a alta concentración dos medios privados en poucas mans é un factor de risco para a pluralidade informativa e lamenta que "non existe unha lexislación específica" que regule estas manobras para concentrar todo o poder mediático en poucas mans.

"Os órganos reguladores dos medios de comunicación e os consellos de prensa -que son voluntarios e autocontrolados- non contan con mecanismos útiles para garantir a independencia editorial nin o respecto das normas éticas", engade o Centre for Media Pluralism and Media Freedom.

PRECARIEDADE E DISCRIMINACIÓN DA MULLER

Por último, o documento agrupa outra serie de desafíos relacionados coa crise económica na que se atopa o sector dos medios de comunicación español. Neste contexto, o informe subliña que "as condicións dos xornalistas en España empeoraron nos últimos anos", gremio no que "o desemprego, a inseguridade laboral e os baixos salarios son considerados os principais problemas da profesión". Todos estes factores "son ameazas serias para a liberdade de expresión e independencia dos xornalistas".

O informe tamén destaca que "o acceso aos medios de comunicación das mulleres tamén está en risco" e avisa da existencia de "diferenzas salariais entre homes e mulleres, polas cales as mulleres reciben salarios máis baixos por un traballo similar" nos medios. Tamén constátase que "as mulleres están subrepresentadas nos consellos de administración" dos medios, tanto públicos como privados.

E aínda que se recoñece que "houbo un avance importante na cuestión da igualdade en España" e que "o marco xurídico prevé a igualdade de dereitos e a non discriminación por razón de sexo", o estudo advirte de que "o marco xurídico existente sobre a igualdade de xénero aínda non se aplicou plenamente".

"A aplicación real dos plans de igualdade de xénero no sector dos medios de comunicación debería ser unha prioridade para as asociacións profesionais, así como para as propias autoridades políticas", conclúe o informe."                   ( Alberto Quian  , Galicia Confidencial, 21/06/17)

No hay comentarios: